É un tema que non é de moita incidencia a nivel do ensino de Educación Infantil e Primaria, pero sempre está ben dispoñer dos mecanismos para atallar os posibles problemas e para realizar sobre todo prevención a nivel educativo e formativo.
Compre non ser alarmistas e sempre hai que actuar con cautela, humanidade e gardando a debida confidencialidade para protexer sempre aos menores de idade. Non obstante, alumnado, familias, profesorado e dirección dos centros educativos han ser conscientes que casos de "bullying" ou acoso escolar poden se producir nalgún momento e hai que estar preparados para dar a axeitada resposta a problemática que se pode presentar e darlle a solución pertinente, para eso quere servir o protocolo que vimos de aprobar no colexio.
Imos presentar algúns sinais que poden facer sospeitar que un neno ou nena sufre acoso (hai que discernir ben e distinguir o que realmente é acoso e o que non é, para eso seguiremos o protocolo). Uns indicadores de acoso poden ser:
- Chega a casa coa roupa, libros ou cousas rotas ou que llas teñen roubado.
- Ten moretóns, feridas, cortes ou marcas que non pode explicar.
- Perdeu o interese por ir ao colexio.
- O seu rendemento académico baixa.
- Ten poucos amigos ou non ten ningún.
- Non invita a compañeiros á casa e rara vez vai á de outros.
- Sufre falta de apetito, dores de cabeza e/ou estómago (pola mañá).
- Sufre alteracións do sono: insomnio, pesadelos ou chora cando durme.
- Pide diñeiro ou saca diñeiro ás escondidas (para o intimidador).
- Falta algún xoguete ou cousa de valor (tamén para entregarlla ao acosador/es).
- Chega do colexio ansioso, triste, decaído, cos ollos con bágoas e ten un aspecto triste, deprimido e de infelicidade.
- Cambia de humor de forma inesperada ou está irritable e con furia e rabia repentina.
- Amósase teimudo, pouco comunicativo, chora con frecuencia.
- Non quere saír a xogar cos demais, non quere ir ao parque, prefire quedar só na casa.
(Para a elaboración desta entrada contamos coa información que se ofrece no Taco do Corazón de Xesús do día 24 de marzo de 2014, da editorial Mensajero e tamén do noso Protocolo sobre o tema).